martes, 7 de junio de 2011

175 aniversario

Tal día coma hoxe fai 175 anos a Deputación da Coruña decidiu crear o concello de Dodro, partindo en dous o proxectado concello de Padrón, agrupando as parroquias de santa María de Dodro, san Xián de Laíño e san Xoán de Laíño.
Despois de tantos anos só queda felicitar ó concello de Dodro por estes 175 anos tan ben levados.

O dodrés máis importante da Historia

Despois de recibir durante seis meses os vosos votos, xa hai un resultado na enquisa que vos fixemos dende esta Asociación.
Despois de recontar os innumerables votos recibidos, os cales vos agradecemos, xa estamos en disposición de facer público o gañador.
Os seguidores deste blog decidiron, co 33% dos votos, que o dodrés máis importante da Historia sexa:
EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN

viernes, 31 de diciembre de 2010

Uxío Abuín Ares

Uxio Abuin Ares naceu en Lestrobe (Dodro) en 1991 e actualmente, con só 19 anos, xa é considerado ó terceiro mellor triatleta galego de todos os tempos, por detrás de Gómez Noya e Raña (dous campións do mundo de triatlón).
Actualmente participa no programa ADO de deportistas olímpicos e reside na Residencia Joaquín Blume de Madrid (na que se atopan os deportitas españois de elite (os mellores deportistas españois), na que compaxina o deporte cos estudos.
No seu extenso palmares destacan, entre outros campionatos e podios (tamén en probas internacionais), os exitos conseguidos no ano 2010, o Campeonato de España de Triatlón, o Subcampionato Junior de Europa de Duatlón, o Subcampeonato Iberoamericano de Triatlón e o Junior World Duatlón Champioship (Campionato do Mundo Junior de Duatlón).
Dende o 3 de decembro pasado Uxío é Socio de Honra da Asociación Xuvenil Cultural -Recreativa "7 de xuño de 1836".

Ovidio Murguía de Castro

Ovidio Murguía de Castro (Lestrove (Dodro), 1871 - ?, 1900) foi un pintor galego. Fillo dos escritores Rosalía de Castro, de quen herda o seu sentimento artístico, e Manuel Murguía, queda orfo de nai ós 14 anos feito que sen dúbida afectará á súa evolución pictórica.
Comenzou a pintar en Santiago de Compostela, na Real Sociedad Económica de Amigos del País, da que era profesor José Fenollera. En 1895 trasladase a Madrid, pero non segue os camiños habituais ingresando na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando nin solicitando as posibles pensións para Roma, entón pouco menos que imprescindible para facer carreira oficial.
O seu parentesco co novelista Alejandro Pérez Lugín, en cuxa casa residiu, permiteulle asistir a tertulias literarias e relacionarse con artistas. Sae ó campo, á zona da sierra de Guadarrama, a pintar paisaxe do natural, e acode con frecuencia ó Museo del Prado, onde realiza copias de grandes mestres, para exercitarse no oficio de pintor.

Seu pai, home ambicioso, relacionao con políticos influíentes da época para os que realizará escenas de xénero, moi en boga entón, e decoracións murais para os seus palacios. Ovidio cumpre estes encargos, aínda que a regañadentes, ata que decide liberarse deles por completo e vivir alegremente, á bohemia, unha vida que a súa precaria saúde non lle tolera.

Concurríu a algunhas exposicións, pero a súa cortísima vida non lle permitíu cuaxar a obra á que sen dúbida o seu temperamento estaba destinado.

A pintura de Ovidio Murguía figura nos museos de Galicia, especialmente nos de Pontevedra e A Coruña, onde está a máis representativa.
Faleceu prematuramente de tuberculose en 1900 con tan só 28 anos de idade, feito que máis tarde faría que fose encadrado dentro da denominada Xeración Doente galega.

Xosé Ramón Reboiras Noia

Xosé Ramón Reboiras Noia, máis coñecido como Moncho Reboiras, naceu en Imo, concello de Dodro, o 19 de xaneiro de 1950 e foi asasinado en Ferrol o 12 de agosto de 1975, foi un militante nacionalista galego, membro correfundador da UPG.
Naceu na aldea de Imo, no concello de Dodro, nunha familia que tivo que mudarse para a cidade á procura de mellores condicións de vida.
En Vigo, máis concretamente en Teis, e mentres o seu pai traballaba, Moncho sacaba o seu bacharelato e atendía ós clientes no Bar Noia que a súa familia conseguiu estabelecer cos seus aforros, alén dun breve período de traballo na construción cando tiña 15 anos. Pouco a pouco vai tomando unha conciencia política nacionalista en reacción ó franquismo e sinte a opresión nacional de Galiza: baixo nivel no agro, superexplotación, conflito lingüístico...
Matricúlase máis tarde na Escola Técnica de Enxeñaría Industrial de Vigo, onde se forma con boas notas. Moncho, que contaba con grandes simpatías no ambiente estudantil pola súa seriedade profesional e compañerismo, desempeña un papel moi activo nas reivindicacións dos estudantes naqueles anos, así como na defensa da cultura e dos intereses do pobo galego. Foi un dos fundadores da revista Des...tornillo que desempeñou un grande papel de concienciación nacional; formando parte do grupo cultural “O Castro” que aborda – dentro das limitacións daquel tempo - o problema nacional galego; e, no ano 1969, ingresa como militante na UPG.
Rematada a carreira, a Escola concédelle unha bolsa para facer un traballo de especialización en Estaleiros Barreras, convivindo así cos traballadores, e onde coñecerá precariedade laboral, con base na súa experiencia persoal. Aproveita para estudar a fondo os mecanismos empregados pola clase patronal, e a forma de combater a prol dos dereitos dos traballadores. Por esta altura, en 1972, ten lugar a "Folga de Setembro" e Moncho terá nela un papel importante como organizador e combatente.

Perdida a bolsa de estudos por esta razón, dedícase á loita política. Traballa en “Álvarez” de Vigo, tendo que deixalo por razóns de saúde. Múdase entón para Ferrol onde traballa en Astano e, posteriormente, na Coruña, entrando como obreiro no complexo fabril de Intelsa. Moncho procede por este tempo, en nome da UPG, á organización da Fronte Cultural Galega. É en grande parte o responsábel do que a Fronte Cultural foi naquela altura e do importantísimo papel que este desempeñou no panorama cultural de Galiza. Por primeira vez, existía unha coordinación efectiva entre a maioría das Asociacións Culturais de Galiza ca Fronte Cultural como órgano de comunicación social.

Por esta altura, nos anos de 1973 e 1974 é un dos organizadores dos grupos sindicais. Fai axitación polo boicot ás eleccións do sindicato vertical en 1974, campaña que serviu tamén para o lanzamento das siglas SOG (Sindicato Obreiro Galego) que, coa UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galicia) xa constituída, conformarían en pouco tempo a Intersindical galega que é un antecesor lonxano da actual Confederación Intersindical Galega (CIG). Sería tamén a alma do grupo da Coruña que arredor do órgano de comunicación social Xerme desempeña un papel fundamental en dirección a un sindicalismo especificamente galego. O Xerme, de calidade xornalística recoñecida, creará un novo estilo no ámbito da prensa obreira en Galiza.
Moncho é tamén, como membro do Comité Central e do Comité Executivo da UPG, un dos artífices do que a UPG comeza a ser dende 1972: unha organización proletaria que, tendo como ideoloxía o marxismo-leninismo, foi un dos motores do movemento nacionalista galego.
Participou, dentro da liña política definida pola UPG, nun grupo dedicado a dotar o partido de infraestruturas loxísticas, que incluía unha fronte armada que loitase contra a ditadura, un comando composto por un reducido número de persoas do cal se fixo cargo Reboiras o 23 de febreiro de 1974. O escaso armamento do que dispuña procedía do grupo portugués LUAR e adestraban no sur da provincia de Pontevedra. A primeira acción foi un atraco a un banco en Escairón. Identificado pola Garda Civil permanece oculto por un tempo. Cando se atopaba en Ferrol, onde se estaba a organizar a UPG, a Brigada Político Social (BPS) estabelece na noite do 11 de agosto de 1975 un control na zona de Canido. Ás 2 da mañá numerosos efectivos da BPS, acompañados de máis de 300 axentes[Cómpre referencia] da Policía Armada acordoaron o edificio onde se atopaba con 2 militantes máis, que grazas á intervención de Reboiras –o único que estaba armado- lograron fuxir. Ao cabo de dúas horas a policía dá alcance a Reboiras no portal do número 27 da rúa da Terra (onde se lle fai todos os anos unha homenaxe), disparándolle varios tiros, un deles na caluga, segundo información médica. A partir dese momento desátase un amplo operativo en toda Galiza coa detención de varios militantes nacionalistas e o exilio a Portugal (xa trunfara a Revolución dos caraveis en abril de 1974) dun gran número de membros da UPG.
Actualmente está soterrado no cemiterio parroquial de san Xoán de Laíño, no concello de Dodro.

Luís Aguirre de Río

Luís Aguirre del Río, nado en Dodro en 1840 e falecido en Madrid en 1866, foi un poeta en castelán e compositor, escribiu o que resultou ser o primeiro dicionario galego-castelán.

Suponse que o escribiu mentres estudaba en Compostela e sábese que está datado en 1858. En 1862 foi a Madrid e entregou o orixinal no xornal El Alba Católica, que nunca chegou a publicalo, aínda que no ao seguinte se anunciase nun xornal galego a intención do prelo do xornal de publicalo por entregas. En calquera caso, o dicionario non veu lume ata o ano 2007, cando foi publicado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), de Madrid, e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, baixo a preparación da filóloga e profesora Carme Hermida Gulías.

O Diccionario del dialecto gallego consta dunhas 8.000 palabras e adiántase nuns anos ó que ata agora se consideraba o primeiro dicionario galego, o publicado por Francisco Javier Rodríguez no 1863, con case 3.000 entradas.

Luís Aguirre enfermou durante a súa estadía en Madrid e morreu en 1866, aos 26 anos de idade, sen ver publicado o seu dicionario.

Realmente, nunca foi recoñecido nin estudado en Galicia. No ano 2007 publicouse Luís Aguirre. Poesía completa, unha edición crítica de toda a súa obra poética coñecida, da man de Avelino Abuín de Tembra e Justo Cortizo Sóñora.

Avelino Abuín de Tembra

Avelino Abuín González, chamado Abuín de Tembra, naceu en Imo, concello de Dodro, en 1931 e finou o 2 de marzo de 2009 en Santiago de Compostela.

Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en Filoloxía Románica. Foi catedrático de ensino medio e Técnico Superior de Relacións Públicas.

Foi o creador dos Xogos Florais do Ensino Medio de Galicia (1963), dos Cursos Monográficos Manuel Peleteiro (1966) e fundador do Padroadodo Pedrón de Ouro (1964, despois convertido en Fundación de Interese Galego). Foi secretario xeral da Fundación Rosalía de Castro e membro da súa Comisión de Cultura desde 1965).

Promoveu o premio de poesía "Eusebio Lorenzo Baleirón", que leva o nome dese poeta de Dodro. Fundou a revista electrónica Galicia Viva (1999) da asociación cultural epónima e creou a Ruta Rosaliana. Colaborou en numerosas publicacións xornalísticas galegas e na Radio Galega onde durante moitos anos dirixiu e presentou un programa dedicado ás bandas de música, que despois dirixiu e presentou en Radio Obradoiro.
Obras
Camiños, 1961 (poemario)
Home ao pairo, 1974 (poemario)
Roldas de Compostela, 1981 (poemario)
En las orillas del Sar de Rosalía, 1984 (antoloxía)
Ruta Rosaliana', 1984
Rosalía, biografía do centenario, 1985
Rosalía, 1987 (biografía de Rosalía de Castro)
Obras completas de Rosalía, 1992 (antoloxía)
[editar] Premios
Premio Ciudad de Carballo (1979)
Premio Galicia de Poesía (1981)
Premio Celso Emilio Ferreiro de poesía (1981)